Thursday 25 de April de 2024

O PSOE critica que a alcaldesa de Trazo non respecte as datas de celebración dos Plenos e siga dificultando o acceso a documentación


Beatriz Domínguez amosa “a indignación dos grupos da oposición polas reiteradas faltas de respecto e mostras de incompetencia por parte da alcaldesa que, ao ritmo que vai, rematará facendo bo a Dafonte”

O PSOE de Trazo critica a decisión da alcaldesa de Trazo de aprazar sen ningún tipo de xustificación a sesión plenaria ordinaria convocada para hoxe venres 1 de outubro. Unha sesión correspondente ao pleno ordinario de setembro e que debe celebrarse o derradeiro venres dos meses impares, se ben a alcaldesa dispón da posibilidade de adiantala ou atrasala unha semana. Isto foi o que pasou desta vez, que a alcaldesa decidiu aprazar a sesión do 24 de setembro ao 1 de outubro polos prazos da conta xeral.

Porén, o aprazamento de hoxe, ademais de non estar contemplado nas normas, non foi nin sequera xustificado aos grupos da oposición. “É unha vergoña. Os concelleiros que estamos na oposición non vivimos da política e temos que adaptar as nosas vidas para cumprir coas nosas obrigas. Non é de recibo que os nosos compañeiros teñan que pedir o día nos seus traballos para asistir a un Pleno e despois chegue a alcaldesa e decida o día antes non facelo e nin sequera nos dea unha explicación”, lamenta Beatriz Domínguez, voceira municipal socialista.

Domínguez amosa “a indignación dos grupos da oposición polas reiteradas faltas de respecto ao noso labor e polas mostras de incompetencia por parte da alcaldesa que, ao ritmo que vai, rematará facendo bo a Dafonte”. “Levamos dous anos con dificultades para acceder á información e á documentación que solicitamos como grupo municipal. Despois decidiron suprimir as comisións informativas plenarias, o que supuxo un retroceso na vida democrática do Concello de Trazo. E agora xa non respectan sequera as convocatorias das sesións plenarias ordinarias, que son o único espazo que nos deixaron aos grupos da oposición para cumprir o noso labor de fiscalizar a acción do Goberno”, sinala a voceira socialista.

O PSOE de Trazo porá en coñecemento das autoridades competentes as continuas irregularidades do bipartito de Trazo tanto na convocatoria das sesións plenarias coma á hora de dificultar o acceso da oposición a documentación pública. “Non pode ser que os nosos dereitos como concelleiros e como representantes dos veciños sexan pisoteados un día si e outro tamén pola incompetencia ou a mala fe da alcaldesa de Trazo”, apunta Domínguez.